Los Mecánicos


los-mecanicosFernando Esclusa, á voz e á guitarra, (ex Guru Deva), Jose Juan Romeu “Jota”, voz e baixo eléctrico, (ex Los Satélites) e Adrián Seijas (Misteriosa Viaje a Holanda, Pardo, Carlos Childe) á batería, proxectaron as súas obsesións musicais cara á década dos sesenta.

Este trío de mozos e, ao mesmo tempo, veteranos músicos herculinos xuntáronse co san obxectivo de reverenciar tan inmenso legado do pop-rock dos anos 60. Música anglosaxoa de formacións tan extraordinarias como The Beatles, The Rolling Stones, Elvis, The Kinks ou Small Faces mestúranse de maneira explosiva co variado cocktail de artistas tan estrañados do rock hispano como Los Salvajes, Los Bravos, Fórmula V ou Los Brincos e, mesmo, galegos como Andrés Dobarro ou Pucho Boedo, dos Tamara.

Estes mozos, aínda que sobradamente experimentados músicos, repasarán en máis dunha hora e media de concerto algúns dos momentos máis incribles da década por excelencia do pop inglés, americano, español e galego. Ninguén debería perderse tan entrañable ocasión, e de paso, aprender algo do pasado, sen o cal, é imposible coñecer o futuro que nos espera.

No 2016 presentaron ante os seus numerosos fans o seu primeiro disco, “Grandes Éxitos” baixo a fórmula de crowfunding froito da traxectoria de 7 anos ininterrompidos dando directos alá onde lles chamen e de máis de 500 concertos ás súas costas. Un disco que repasa a súa traxectoria con cancións en estudo e directo que deu un revulsivo ao seu xa longa carreira.